administración

Novas | Noticias

asociacionartabro.org | balonmán para todos

A Asociación

O Proxecto Ártabro nace na comarca que abarca o territorio do Golfo Ártabro, a partires dunha necesidade real de promover o deporte do balonmán e facilitar a súa práctica aos cidadáns, especialmente aos máis xoves, con igualdade de oportunidades entre homes e mulleres, ofrecéndolles unha posibilidade máis de desenrolar a personalidade dos cativos a través do deporte, independentemente de que exista ou non unha predisposición natural a converterse en deportistas de elite.

Bm.Artabro

A nosa comarca forma parte do Golfo Ártabro, unha zona de costa delimitada entre a Costa da Morte e a Ría de Ferrol, pechada dende o interior polos montes de A Zapateira, o Xalo e Castromaior, entre outros. Comprende un terreo caracterizado pola apertura ó mar a modo dun anfiteatro. Os nosos ancestros da época castrexa, recoñecidos por diferentes autores antigos como Plinio e Estrabón baixo a denominación de Ártabros, espalláronse por toda esta zona, asentándose en diferentes núcleos de poboación. Coa chegada da romanización estes núcleos chegaron a desaparecer mediante procesos de asimilación cultural máis ou menos forzosa. Actualmente a distribución xeográfica desta zona correspóndense cos concellos de A Coruña, Arteixo, Oleiros, Cambre, Culleredo, Carral, Abegondo e outros moitos que comparten o referente ártabro na súa orixe.

O balonmán é un deporte con ampla tradición nos diferentes concellos do Golfo Ártabro. Dende a comarca de Ferrolterra ata a das Mariñas e A Coruña, existiron numerosos equipos que competían a balonmán dende a década dos 50 e 60, participando en competicións tanto de ámbitos territorial e autonómico, como de ámbito nacional. Neles houbo sempre equipos femininos e masculinos, destacando historicamente no ámbito nacional o Balonmán Coruña en categoría feminina e a Escola de Armas de Ferrol ou o OAR da Coruña en categoría masculina.

Costa da Morte

Actualmente atopámonos cunha certa dispersión dos clubes que se encargan de promover o balonmán na rexión ártabra, podendo atopar diferentes grupos vinculados económica e administrativamente a diferentes concellos. Dende o Concello de Culleredo ata o de Oleiros, pasando polo de A Coruña, atopamos varias entidades que presentan intereses, necesidades e dificultades comúns. A escaseza de recursos tanto humanos coma económicos, de oficinas ou de instalacións deportivas, limitan seriamente o potencial dos proxectos de promoción deportiva e nalgúns casos fan perigar a súa supervivencia.

Este proxecto persegue solucionar algunhas destas dificultades superando o modelo competitivo entre clubes, e baseándose nun proxecto de cooperación. Trátase de lograr o apoio mutuo e a colaboración entre entidades que comparten un fin común e que presentan necesidades e dificultades tamén similares. A finalidade básica deste proxecto é poñer en común esforzos e recursos para superar as dificultades coas que todas as entidades se enfrontan día a día.