O Ártabro UDC xuvenil non logra puntuar na pista do Cangas.
08 / Noviembre / 2008O noso representante na división de honra xuvenil enfrontouse esta mañá ao Promalar Cangas, en partido correspondente á 5ª xornada de liga, disputado no Pavillón O Gatañal, de Cangas. O equipo local foi superior e venceu con claridade por 38-22.
O Ártabro UDC comezou o partido ofrecendo boas expectativas de xogo, ben posicionado en ataque, aínda que sen a contundencia necesaria en defensa, o que en poucos minutos levou ao equipo local a dominar o xogo e case a aniquilar aos coruñeses, que se viñeron abaixo de forma estrepitosa e cometeron numerosos erros non forzados. Foron múltiples as ocasións nas que os pases do Ártabro remataron nas mans do equipo rival, ou mesmo fóra de banda. Isto propiciou que o Cangas, que non deixou pasar a oportunidade, sentenciase o encontro antes do descanso, con rápidos contraataques e mesmo ataques posicionais que resolvían en poucos segundos. No intermedio, 21-5.
Pero tras o descanso, con todo perdido, o equipo ártabro foi capaz por fin de refacerse, e o seu xogo mellorou substancialmente con respecto ao da primeira metade. A defensa volveuse moito máis efectiva, dirixida con autoridade dende o centro por Héctor Pallas, e subindo o seu nivel de presión, provocou numerosos erros nos cangueses.
En ataque, a segunda liña, case inadvertida durante a primeira parte, achegou moito máis xogo, cun moi bo labor, entre outros, do aínda cadete Jean Etheve, que xunto coa eficiencia anotadora de David Díez dende a primeira liña, con 11 goles, conseguiron que o xogo estivese constantemente igualado, ata o punto de que o resultado parcial dese segundo tempo foi de empate a 17.
En definitiva, ampla derrota pero que deixa bo sabor de boca por como se desenvolveu o encontro, á espera de recibir, a semana que vén en A Coruña, a outro dos ósos da categoría, o Peguform SAR.
Promalar Cangas 36 (21 ao descanso): Núñez, Lluque (5), Cabiria (4), Molanes (3), Piñeiro, Entenza (2), Villar (1), Cid (3), Sestay (4), Urrutia (2), Rúa (1), Rodríguez (6) e Camiña (7). Total exclusións: 2.
Ártabro UDC 22 (5 ao descanso): Bargo, Suárez, J. Pallas (4), H. Pallas (1), Díez (11), Arias (2), Etheve (2), Vallejo (1), Varela, Canosa, Núñez e Arnaiz (1). Total exclusións: 0.
Árbitros: Francisco Soliño e Manuel Currás.






