ultimas novas

O Ártabro Hércules logra a vitoria no seu debut en casa.

02 / Noviembre / 2008

O Ártabro Hércules conseguiu imporse ao BM Lucus no partido correspondente á terceira xornada do Trofeo Delegación da 2ª División Autonómica disputado esta mañá no Pavillón San Francisco Javier.

Os nosos comezaron mal, cedendo a iniciativa no xogo aos lucenses, mostrándose moi imprecisos en ataque e demasiado permisivos en defensa. Deste xeito, os visitantes puxéronse rapidamente cunha vantaxe de 2-6 no marcador. Pero a partir dese momento, o panorama cambiou: a defensa volveuse moito máis consistente, amparada por unha gran labor na portería de Samuel Vázquez, soberbio durante todo o encontro. Tamén en ataque as cousas melloraron e rapidamente endosóuselle ao Lucus un parcial de 4-0 para empatar o partido 6-6.
Pero foron os lucenses os que se refixeron entón, e a pesar de que a defensa local seguía funcionando, aproveitaron os erros herculinos en ataque para devolver o parcial e pór o marcador en 6-10.
Como queira que o partido parecía abocado a non ter un dono claro, tocáballe a quenda ao equipo local, que alcanzaba ao descanso a colocar no marcador o 9-10.

Na continuación, a alternancia deu paso á igualdade, e durante os primeiros 15 minutos ambos os equipos colocaron algarismos parellos no electrónico. Con todo, o equipo local, máis enteiro, parecía afrontar a recta final do encontro con máis garantías, aínda que non conseguiu nunca unha vantaxe maior de dúas tantos.

No minuto 21, Samuel Vázquez lesionábase tras un choque fortuíto cun contrario e debía deixar a portería, que tan ben gardara, en mans do xuvenil Bruno Bargo, que a pesar da súa bisoñez, conseguiu asinar uns minutos brillantísimos, facendo que o cambio na meta non se notase.

Deste xeito, e a pesar da emoción que reinou durante case todo o encontro, chegouse aos minutos decisivos cunha vantaxe local de dous tantos que os ártabros non deixaron escapar, para certificar o definitivo 19-17.

Ártabro Hércules 19 (9 ao descanso): Vázquez, Seijo (3), Igor (1), Pallas (3), Rei (1), Vidal (2), López (1), Nogareda (2), Díez (5), Arias (1), Núñez, Cillero e Bargo. Total exclusións: 3.

BM Lucus 17 (10 ao descanso): Jose (2), Roque, Juan, Aarón (2), Devesa (6), Marcos (1), Emilio (1), Álvaro (2), Antonio (1), Héctor (2). Total exclusións: 0.

Árbitros: Ignacio Pereira e Sergio Lara.


Ver tódalas Novas