ultimas novas

Derrota pola mínima do equipo xuvenil.

12 / Octubre / 2008

No último instante escapóuselle o partido ao BM Ártabro UDC no encontro da liga de División de Honra xuvenil masculina que lle enfrontou onte nas instalacións do INEF en Bastiagueiro á Escola Municipal de Camariñas: 29-30.

Durante toda a primeira parte a igualdade foi a tónica reinante no marcador, cos dous equipos intentando controlar o partido pero sen que ningún deles o conseguise claramente. No tramo final desta primeira metade, o noso equipo axustou un pouco máis a defensa e valeulle cobrar vantaxe de dous tantos. Con todo, a poucos segundos da sirena, tivo lugar a xogada que puido marcar o devir da contenda. David Díez perseguía a un xogador camariñán que se dirixía en contraataque só cara á meta ártabra, alcanzándoo cando se achegaba á área de portería, e a pesar de non tocarlle en ningún momento, o árbitro interpretou que a súa acción carrexaba perigo para a integridade do atacante e sancionoulle con cartón vermello directo. Deste xeito, perdiamos a un dos nosos efectivos máis importantes, e quedabámonos co equipo demasiado xusto (Álvaro Arnaiz non puido participar, debido a unha escordadura no nocello).

Aínda así, a segunda parte foi case integramente do Ártabro, que aínda que con diferenzas mínimas, mandou de xeito xeneralizado no marcador. Con todo, nos últimos minutos, cos dous equipos exhaustos, cometéronse erros por ambas as partes e os de Camariñas saíron mellor parados, logrando o gol da vitoria a falta de cinco segundos para o final.

A pesar de todo, moi boa imaxe dos nosos, que deben continuar a súa progresión para facerse valer nunha liga tan dura como a que terán por diante esta tempada.

BM Ártabro UDC 29 (14 ao descanso): J. Pallas (3), H. Pallas (6), Arias (12), Arnaiz, Bargo, Etheve (3), Canosa, Díez (3), Vallejo e Suárez (2). Total exclusións: 2. Descualificacións: 1.
Esc. Mpal. Camariñas 30 (13 ao descanso): Brión (3), Mouzo (5), Canosa (11), Barcia (2), Canosa, Fateira, Parga (1), Tajes (5), Caamaño (3) e Carril. Total exclusións: 5.


Ver tódalas Novas